Friday 17 de May de 2024

O Concello de Lousame convoca o programa Lousame Concilia, para atención dos nenos/as antes das clases no CPI Cernadas de Castro


 

As solicitudes deberán presentarse nos Servizos Sociais do Concello do 16 ao 19 de xullo

O Concello de Lousame abrirá o próximo martes 16 de xullo o prazo de inscrición no programa “Lousame Concilia”, un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro durante o curso 2019/2020. O servizo, que empezará a prestarse dende o 11 de setembro, presenta este ano unha novidade: a posibilidade de anotar ao neno/a non só en horario de mañá (7:45 a 9:00 horas) senón tamén de tarde (de 15:40 a 17:00 horas) ou de mañá e tarde. Os prezos mantéñense con respecto a anos anteriores.

O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 19 de xullo no Departamento de Servizos Sociais de Lousame, en horario de 08:30 a 14:30 horas. Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, outorgaranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados (ou 1 proxenitor no caso de familias monoparentais) e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar.

No caso de que houbera máis solicitudes que prazas, os empates resolveranse por rigorosa orde de inscrición, é dicir, segundo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal de Lousame. Os impresos poderán recollerse nos Servizos Sociais de Lousame ou descargarse directamente da web municipal (www.concellodelousame.gal). Canda a solicitude asinada deberán presentar declaración xurada de residencia efectiva e acreditable en Lousame, a última nómina ou recibo de autónomos para así acreditar a súa situación laboral; así como o certificado de familia monoparental, se fose o caso. Tamén deberá entregarse certificación bancaria orixinal do número de conta e un impreso de domiciliación bancaria.

Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia. O Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos en datas concretas durante o curso escolar. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.